A semana pasada o CiQUS celebraba un retiro científico de dous días en Allariz. Os días 26 e 27 de setembro a pintoresca localidade ourensá foi sede dun evento no que participaron tanto Investigadores Principais como investigadores "Ramón e Cajal" do centro. Esta singular iniciativa, prevista no Plan Estratéxico 2023-2027, busca que se xeren novas ideas á vez que promove a cohesión e as colaboracións entre os membros do CiQUS.
As xornadas comezaron cunha revisión das prioridades científicas por parte dos directores do centro, quen ofreceu unha visión clara dos obxectivos e desafíos a afrontar no medio prazo. O programa incluíu un bo número de presentacións a cargo dos investigadores, que foron detallando os avances nas súas respectivas liñas de traballo, e que derivou en discusións moi enriquecedoras entre os alí presentes. A actividade permitiu estreitar a colaboración entre os investigadores e promover que vaian xurdindo novas sinerxias entre eles.
Ademais das sesións científicas, os participantes gozaron de actividades sociais que favoreceron a cohesión do equipo, entre as que destacaron unha visita polo centro histórico de Allariz, guiada pola propia alcaldesa do pobo e a concelleira de cultura, e unha camiñada polo roteiro de Santa Mariña de Augas Santas.