Visitas inspiradoras: estudantes de Bacharelato mergúllanse na investigación do CiQUS

20/11/2023
  • Coincidindo coa Semana da Ciencia, os estudantes gozaron dun atractivo programa que incluíu visitas a laboratorios e encontros con investigadores do centro.

 


Más de 250 alumnos de 2º de Bacharelato pasaron nos últimos días polo Centro Singular en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) no marco do programa de visitas escolares do centro. Procedentes de distintos centros educativos repartidos por toda a xeografía galega, os estudantes tiveron a oportunidade de mergullarse no día a día dun dos centros de investigación punteiros na rexión e ter unha primeira toma de contacto coa carreira investigadora.

Durante o percorrido polas instalacións do centro, os estudantes puideron coñecer in situ o funcionamento dos equipos máis representativos e algunhas das técnicas habitualmente empregadas polos investigadores. Ademais, os grupos de investigación do CiQUS abriron as portas dos seus laboratorios para compartir con eles os avances nas súas respectivas áreas. O momento foi moi gratificante: preparáronse distintas actividades e demostracións dentro dos laboratorios que, ademais de captar inmediatamente a atención dos mozos, contribuíron a crear un ambiente distendido e realmente entretido.

Os alumnos que cursan 2º de Bacharelato atopan a piques de dar un dos pasos máis importantes, talvez determinante, para o seu futuro profesional. Conscientes do desafío que supón a etapa que se abre, a programación tamén incluíu un encontro con investigadores do CiQUS que abordaron a investigación como opción profesional. Nos encontros participaron investigadores do centro que se atopan xa nunha etapa posdoctoral avanzada, o que lles permitiu compartir a súa traxectoria cos estudantes e expoñer abertamente os atractivos e reviravoltas da carreira investigadora. Tamén houbo tempo para que os estudantes expuxesen abertamente as súas dúbidas e curiosidades o que, nalgúns casos, derivou nun pequeno pero enriquecedor debate.

O programa de visitas escolares busca espertar a mesma paixón pola ciencia de quen traballa nela e fomentar deste xeito as vocacións científicas. No CiQUS levamos a cabo propostas creativas e orixinais nas que se involucra gran parte da comunidade: nesta ocasión, coincidindo coas celebracións da Semana da Ciencia, máis de 50 investigadores e técnicos do centro colaboraron ao longo de nove xornadas consecutivas. Agradecemos o esforzo do persoal implicado nas distintas tarefas e, por suposto, aos estudantes e titores dos 11 centros educativos participantes por compartir connosco unha experiencia tan estimulante.

Centros: IES Plurilingüe Antón Losada Diéguez, IES Camilo José Cela, IES Aller Ulloa, Colexio M. Peleteiro, IES de Ames, IES Terra do Xallas, IES de Fene, IES As Fontiñas, IES de Sar, IES Espiñeira, IES Xelmírez I.