José Luis Mascareñas, Premio Rei Jaume I en Investigación Básica

04/06/2025

O investigador do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) e catedrático da Universidade de Santiago de Compostela (USC), José Luis Mascareñas Cid, vén de ser galardoado co Premio Rei Jaume I 2025 na categoría de Investigación Básica. O xurado destacou os seus “traballos pioneiros en química organometálica, especialmente pola introdución de reaccións catalizadas por metais en células vivas”, abrindo novas vías para o desenvolvemento de ferramentas químicas aplicables en contornos biolóxicos complexos.

Mascareñas subliñou que este premio supón un recoñecemento especial á ciencia básica, “esa que non persegue unha aplicación inmediata, pero que é a semente dos grandes avances científicos e tecnolóxicos”. Tamén quixo poñer en valor o carácter colectivo deste logro: “Aínda que se outorga a título individual, este galardón pertence tamén a todas as persoas que traballaron comigo durante estes anos. Sen o seu talento, esforzo e dedicación, nada disto tería sido posible”.

Os Premios Rei Jaume I, creados en 1989 pola Fundación Valenciana de Estudos Avanzados e a Generalitat Valenciana, distinguen cada ano figuras destacadas en sete categorías: Investigación Básica, Economía, Investigación Biomédica, Investigación Clínica e Saúde Pública, Protección do Medio Ambiente, Novas Tecnoloxías e Emprendemento. Están considerados un dos recoñecementos científicos máis prestixiosos do Estado. O seu xurado internacional conta coa participación de máis dunha vintena de premios Nobel, cinco dos cales avaliaron especificamente as candidaturas presentadas na categoría de Investigación Básica. As propostas deben ser formuladas por terceiros e este ano presentáronse 38 candidaturas nesta categoría, a máis antiga de todas, o que dá mostra da súa elevada competitividade.

Pola súa banda, o presidente da Fundación Valenciana Premios Rei Jaume I, Vicente Boluda, lembrou que estes galardóns “non son só unha distinción”, senón que representan “o recoñecemento á dedicación, ao esforzo e ao talento sobresaínte que, desde distintos ámbitos do coñecemento, contribúen ao avance da nosa sociedade”. Na súa intervención engadiu: “Nun tempo no que a proliferación dos populismos e os desafíos globais esixen respostas firmes e colaborativas, como sociedade civil non debemos permitir retrocesos no apoio á ciencia e á investigación, porque grazas a ambas e á cooperación coas empresas producíronse os grandes avances da nosa civilización”. A entrega de premios terá lugar o vindeiro mes de novembro na Llotja dels Mercaders de Valencia, e estará presidida polos Reis de España, que farán entrega dos galardóns.

Doutor en Química pola USC, con estadías posdoutorais nas universidades de Stanford, Harvard, Cambridge e o MIT, José Luis Mascareñas é unha figura de referencia internacional na química supramolecular e biolóxica. Foi director científico do CiQUS, centro no que lidera o grupo METBIOCAT, que estuda novas estratexias de catálise bioinspirada, química bioortogonal e reactividade controlada en contornos celulares. O seu equipo traballa no deseño de complexos metálicos capaces de operar dentro de células vivas para inducir reaccións químicas non naturais, unha liña de investigación que abre novas perspectivas para a biomedicina, a biotecnoloxía ou a enxeñaría molecular.

Ao longo da súa traxectoria publicou máis de 250 artigos en revistas científicas de alto impacto e recibiu numerosos recoñecementos, entre os que destaca unha prestixiosa ERC Advanced Grant concedida polo Consello Europeo de Investigación. O mes pasado, Mascareñas presidiu a Bürgenstock Conference, un dos encontros máis selectivos e relevantes da química internacional, converténdose no terceiro científico español en ocupar esa posición.

Na 37ª edición dos Premios Rei Jaume I tamén foron recoñecidos Jan Eeckhout (Economía), Núria López-Bigas (Investigación Biomédica), Silvia de San José Llongueras (Investigación Clínica e Saúde Pública), Victoria Reyes García (Protección do Medio Ambiente), María Jesús Vicent D’Ocón (Novas Tecnoloxías) e Damià Tormo Carulla (Revelación Empresarial). A edición de 2025 destaca tamén pola notable presenza de mulleres entre as persoas premiadas, unha circunstancia pouco frecuente en convocatorias anteriores.

Desde o CiQUS este recoñecemento recíbese con enorme orgullo, ao tratarse dun dos premios máis relevantes do sistema científico español, que pon en valor non só a excelencia do profesor Mascareñas, senón tamén o compromiso institucional do centro coa investigación de fronteira. O CiQUS conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación, e recibe apoio financeiro da Unión Europea a través do Programa Galicia FEDER 2021–2027.