Como cada ano, o Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) únese á celebración do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, unha iniciativa global que busca promover unha maior inclusión das mulleres na ciencia. Máis de 50 estudantes de bacharelato puideron participar hoxe na actividade "CientífiQas: ciencia feita por mulleres non CiQUS", un programa deseñado para sensibilizar aos máis novos sobre esta cuestión e para dar a coñecer a investigación realizada polas científicas do centro.
Procedentes do IES de Brion e do IES Afonso X O Sabio (Cambre), os estudantes puideron manter unha serie de encontros con investigadoras do CiQUS que se atopan en diferentes etapas da carreira científica (investigadoras principais, postdoutorais, predoctorales persoal técnico e de xestión da investigación), ampliando deste xeito os seus referentes científicos. Previamente asistiron a presentacións a cargo da directora adxunta do CiQUS, Dolores Pérez, quen expuxo de maneira nítida a situación actual das mulleres que se dedican á ciencia, e da responsable de xestión estratéxica, Almudena García, que deu a coñecer o centro aos asistentes, facendo énfases no papel das mulleres no CiQUS. Houbo tempo tamén para realizar unha visita ás instalacións para coñecer algunhas das técnicas máis habituais e comprender o funcionamento dos equipos instrumentais máis representativos.
"Hai multitude de factores, algúns deles moi sutís, que condicionan a incorporación e o progreso das mulleres na carreira científica e, sobre todo, o seu acceso a postos de liderado" señala Dolores Pérez: "É necesario identificalos e combatilos desde todas as frontes, comezando pola educación. A miña mensaxe final foi para as rapazas que participaron na visita: que se poñan metas, nunca límites".
A Asemblea General de Naciones Unidas declarou o 11 de febreiro Día Internacional das Mulleres e as Nenas na Ciencia, recoñecendo o acceso e a participación plenos e en condicións de igualdade na ciencia para as mulleres e as nenas de todas as idades como condición imprescindible para lograr a igualdade entre os xéneros e o empoderamento da muller e a nena. Pequenas accións como as de hoxe, xunto a outras medidas de calado, son tan indispensables como urxentes: aínda queda camiño por percorrer para que dita igualdade sexa unha realidade máis que unha aspiración.