A Comisión Reitora do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) aprobou a incorporación de seis novos Investigadores Principais ao centro, tras concluír o proceso de avaliación de expresións de interese realizado pola Comisión Científica Asesora Externa. Os investigadores seleccionados pasarán a formar parte do equipo científico principal do CiQUS, reforzando as capacidades do centro. As novas incorporacións son Ignacio Insua, Manuel Nappi, Beatriz Orosa, Ester Polo, Rafael Ramos e María Tomás.
O termo Investigador Principal, abreviado como IP, úsase para referirse a líderes ou co-líderes de grupos de investigación, e son unha peza crave para garantir a excelencia e competitividade científica do centro. Unha vez nomeados IPs, os investigadores estarán sometidos a unha avaliación rigorosa e continua da súa actividade científica. Para acceder a esta condición é preciso contar cunha traxectoria investigadora consolidada, con publicacións de alto nivel nas áreas estratéxicas do CiQUS e captación de proxectos competitivos, e demostrar capacidade de liderado.
Os novos IPs do CiQUS, todos eles investigadores Ramón e Cajal, promocionaron na súa maioría desde a categoría interna de Junior Scientist, que identifica os investigadores novos do centro que inician as súas carreiras independentes. O resultado deste proceso é un reflexo da proxección que veñen tendo os investigadores novos que se foron incorporando nos últimos anos ao centro, e en especial do impulso á carreira científica das mulleres, que constitúen a metade das novas incorporacións.
De esq. a der: María Tomás, Ester Polo, Beatriz Orosa, Manuel Nappi, Rafael Ramos, Ignacio Insua.
Dra. María Tomás
A Dra. Tomás realizou o seu doutoramento na Universidad de Oviedo e levou a cabo a súa etapa postdoutoral baixo a dirección do Prof. Thomas Carell na Universidad de Múnich (LMU) ata incorporarse ao CiQUS en 2015. A súa investigación céntrase no deseño de novos procesos bioortogonales, e o uso de luz como fonte de enerxía para controlar este tipo de transformacións.
Dra. Ester Polo
Tras doutorarse no Instituto de Nanociencia de Aragón, e realizar a súa etapa postdoutoral no Center for BioNano Interactions CBNI (University College Dublin), a Dra. Polo incorporouse ao CiQUS en 2017 onde traballa actualmente no desenvolvemento de nanovectores biomiméticos con aplicacións biomédicas.
Dra. Beatriz Orosa
A Dra. Orosa realizou o seu doutoramento en Bioloxía Molecular Vexetal na Universitat de Barcelona. Tras un itinerario postdoutoral na Universidad de Durham e posteriormente na Universidad de Edimburgo, uniuse ao CiQUS en 2020 para levar a cabo a súa investigación en bioloxía sintética, centrada no desenvolvemento de ferramentas para lograr un control preciso da degradación de proteínas.
Dr. Manuel Nappi
Tras doutorarse no Institut Català d'Investigació Química (ICIQ), o Dr. Nappi uniuse ao grupo do Prof. Matthew Gaunt como investigador na Universidad de Cambridge. A finais de 2020 incorporouse ao CiQUS onde se centra en descubrir reaccións fotoquímicas para bibliotecas codificadas de ADN, así como para a valorización de gases de efecto invernadoiro e feedstock orgánicos.
Dr. Ignacio Insua
O Dr. Insua realizou o seu doutoramento en Química pola Universidad de Birmingham, unha primeira estancia postdoutoral na Universidad de Melbourne e completou a súa formación postdoutoral no CiQUS na área dos nanomateriales peptídicos para aplicacións biomédicas. O Consello Europeo de Investigación (ERC) concedeulle recentemente unha axuda Starting Grant para levar a cabo un proxecto dirixido a combater a resistencia bacteriana aos antibióticos.
Dr. Rafael Ramos
O Dr. Ramos obtivo o seu doutoramento en Física polo Trinity College Dublin. Tras pasar polo Instituto de Nanociencia de Aragón e traballar xunto ao Prof. Eiji Saitoh na Universidad de Tokyo, incorporouse ao CiQUS en 2020 onde leva a cabo unha investigación multidisciplinar para lograr avances nas tecnoloxías de conversión termoeléctrica e control térmico.