O Grupo Especializado de Química de Produtos Naturais (GQPN) da Real Sociedade Española de Química (RSEQ) outorgou o seu Premio á Excelencia en Investigación 2023 ao Profesor Ricardo Riguera. A Comisión Avaliadora recoñece así a súa valiosa contribución nesta área da Química. Entre outros avances, o seu traballo permitiu describir un gran número metabolitos bioactivos, tales como como o primeiro heptaciclopéptido e o primeiro ciclodepsipéptido illados de organismos mariños. Riguera tambien identificou un dos primeiros exemplos de metabolitos citotóxicos procedentes de bacterias mariñas, levou a cabo a primeira descrición de L-galactosa como parte dun produto natural, así como a dun glicoconjugado de orixe mariña que ata entón era considerado como exclusivo de humanos. Nos anos noventa, o equipo de R. Riguera foi un dos tres grupos de investigacion no mundo e o unico europeo que abordaron o estudo dos compostos hidrosolubles de alto peso molecular de orixe mariña, levando a cabo o primeiro estudo exhaustivo deste tipo de compostos en animais de augas profundas da Antártida de Chile e do Pacífico Norte.
A súa investigación tamén abarcou áreas como a Química Farmacéutica e a Metodoloxía Sintética, con importantes publicacións sobre sínteses, avaliación farmacolóxica e REA de diversos inhibidores encimáticos. Destaca especialmente o seu traballo en Resonancia Magnetica Nuclear, onde o Prof. Riguera é unha figura de referencia internacional no uso desa metodoloxía para a determinación da configuración absoluta.
R. Riguera foi Investigador Principal no CiQUS desde que o centro iniciase a súa andaina ata 2021, liderando a investigación sobre a formación de estruturas poliméricas (smart polymers) e as súas aplicacións no transporte de fármacos e como sensores quirales. Actualmente Profesor Emérito da USC, Riguera é autor de máis de 250 publicacións, dirixiu máis de 30 Tese e impartido cursos de posgrao en numerosas universidades. Ademais, foi director do Departamento de Química Orgánica, Decano da Facultade de Química e Vicerreitor da Universidade de Santiago de Compostela.
O premio recentemente conseguido súmase a outros recoñecementos: en 2013, a RSEQ concedíalle a Medalla Félix Serratosa polos seus traballos en Química Orgánica, e en 2018 o Premio GERMN pola súa investigación no campo da RMN.
O Prof. Ricardo Riguera nos laboratorios do CiQUS