Beatriz Pelaz, galardoada co Premio Nacional de Investigación para Jóvenes 2024

17/10/2024

O Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades anunciou os Premios Nacionais de Investigación 2024, o recoñecemento máis importante de España no ámbito da investigación científica. Nesta edición, a investigadora Beatriz Pelaz foi distinguida co premio na modalidade "Felisa Martín Bravo", que se outorga a mozos científicos de ata 40 anos que alcanzaron logros destacados nas áreas das ciencias físicas, dos materiais e da terra.

Beatriz Pelaz é investigadora no Centro Singular en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da Universidade de Santiago de Compostela. "Síntome moi agradecida de recibir este galardón que supón un recoñecemento a unha traxectoria, e un esforzo non só meu senón de moitas persoas que estiveron comigo neste camiño", sinala a investigadora quen, desde o ano 2017, colidera o grupo BionanoTools no CiQUS.

Pelaz foi premiada pola excelencia e calidade do seu traballo con marcado recoñecemento internacional e o seu liderado e independencia científica no ámbito dos nanomateriales avanzados con aplicacións terapéuticas. Na súa investigación destacan o control das propiedades fisicoquímicas dos materiais para determinar o seu comportamento biolóxico e o desenvolvemento dunha nova tecnoloxía para a modificación da superficie de nanopartículas mediante o uso de origamis de ADN.

Os Premios Nacionais de Investigación contan con 20 modalidades dotadas con 30.000 euros cada unha e concédense mediante un procedemento de concorrencia competitiva. A ministra de Ciencia, Innovación e Universidades resaltou o talento dos premiados e premiadas, cuxa “ciencia de excelencia non só contribúe ao progreso e benestar da sociedade, senón tamén ao fortalecemento do noso país”. Ademais, subliñou que esta edición conta co maior número de mulleres premiadas ata a data, un logro significativo tras anos de menor representación feminina nas candidaturas.