A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Universidad Intercontinental de la Empresa (UIE) acaban de resolver a primeira edición dos Premios RAGC-UIE para investigadoras e investigadores xoves. Estes galardóns nacen co obxectivo de impulsar a investigación científica en Galicia, dando recoñecemento e potenciando as traxectorias de investigadoras e investigadores novos que desenvolven a súa carreira en centros da nosa comunidade, contribuíndo ao impulso do coñecemento científico como motor de progreso.
A investigadora do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) Beatriz Pelaz foi galardoada na categoría de Ciencias Básicas polo seu traballo no desenvolvemento de nanomateriais para lograr fármacos máis eficientes; Xunto a su grupo BioNanoTools, Pelaz céntrase no desenvolvemento de nanomateriais funcionais para a súa aplicación en modelos biolóxicos, co obxectivo de crear unha nova xeración de nanomedicinas máis eficientes, “buscando sempre solucións innovadoras e cun enfoque claramente interdisciplinar”, salienta o xurado dos premios, quen destaca tamén “a súa importante dedicación á divulgación científica, especialmente enfocada a remarcar o papel da muller na investigación”. Tamén ten desenvolto estudos pioneiros sobre nanomateriais biofuncionais, con impacto tanto no ámbito académico como no sector industrial. A investigadora do CiQUS e membro da Academia Joven de España acadou recentemente o maior recoñecemento en España para mozos investigadores co Premio Nacional de Investigación para Jóvenes otorgado polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.
Ademais das Ciencias Básicas, o premio valora a contribución da investigación ao avance noutras dúas áreas de coñecemento. En Ciencias Técnicas distínguiuse a Belén Riveiro, polo seu labor na avaliación de estruturas de enxeñaría civil para previr colapsos en pontes, estradas e vías férreas; e en Ciencias Sociais o recoñecemento correspondeu a Cristina Gómez, dedicada a estudar o comportamento das persoas en contextos de crises sociais e políticas.
Ao certame da RAGC, que ten unha periodicidade bienal, poden presentarse persoas investigadoras que non superen os 40 anos de idade, ou os 42 no caso das mulleres que fosen nais ou das persoas con algunha discapacidade. Cunha dotación de 5000 euros para cada un dos premios, concedéndose ademais varios accésits, a esta primeira convocatoria presentáronse 63 propostas. Os galardóns entregaranse nun acto que se celebrará en decembro.