Diego Peña Gil, Investigador Principal do CiQUS, foi distinguido pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) coa Medalla Antonio Casares Rodríguez, en recoñecemento á súa destacada traxectoria científica. Tal como resalta a Academia, “trátase, sen dúbida, dun dos investigadores con maior proxección en Galicia no estudo da Química”, e destaca o seu labor pioneira ao abrir un novo campo de investigación que combina a Química Orgánica coa Ciencia de Superficies, co fin de abordar problemas científicos complexos como a manipulación de moléculas individuais ou o desenvolvemento de novos materiais moleculares. O traballo de Peña, en colaboración con científicos de diversos países, foi publicado en revistas de alto impacto como Science e Nature Chemistry, contribuíndo a realizar avances na fronteira entre a química e a física.
“Síntome moi ditoso pola concesión da Medalla da RAGC, que ademais leva o nome dun dos meus ídolos científicos, pioneiro da investigación en Galicia e referente para os químicos galegos, o profesor Antonio Casares" manifesta o Investigador Oportunius: "Moi agradecido aos académicos e académicas por considerarme merecedor desta distinción, que en realidade premia o traballo de todo un grupo de investigación e colaboradores científicos”. As Medallas de Investigación da RAGC recoñecen traxectorias excepcionais en ciencia e tecnoloxía, así como o liderado de científicos e científicas que desenvolven a súa actividade en centros de investigación de Galicia. Esta é a segunda vez que un investigador do CiQUS recibe a Medalla Antonio Casares Rodríguez; en 2019, José Luis Mascareñas, director científico do centro, foi distinguido na primeira edición destes premios.
A entrega da medalla terá lugar o 8 de outubro, no acto central do “Día da Ciencia en Galicia”, no Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela, ás 12:00 horas, onde Diego Peña recibirá a súa distinción xunto ao economista Santiago Lago e o catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial Alberto Bugarín, tamén da USC, Pedro Arias da Universidade de Vigo e Antonio Figueras, do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC.
A entrega da medalla terá lugar o 8 de outubro, no acto central do “Día da Ciencia en Galicia”, no Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela.