MetBioCat, o grupo do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) liderado por José Luis Mascareñas, acaba de ser recoñecido na categoría de grupos de investigación no marco dos Premios GCiencia Galicia Spin-Off que chegan xa á súa novena edición. O xurado destacou a traxectoria desenvolvida polo grupo coa obtención de preto de catro millóns de euros en financiamento e o rexistro de 26 patentes.
MetBioCat céntrase no desenvolvemento de tecnoloxías catalíticas e sintéticas, así como de ferramentas moleculares para abordar desafíos de índole biolóxico e médico. Entre os seus logros máis recentes, destaca a obtención dun proxecto Transition do European Innovation Council (EIC) dotado con 2,5 millóns de euros para desenvolver un complexo de rutenio que permite atacar o metabolismo das células nai do cancro. Este proxecto, iniciado en 2025, implica a colaboración con dous grupos académicos de España e Portugal e dúas empresas, e inclúe o compromiso de creación dunha spin-off.
O xurado dos Premios GCiencia Galicia Spin-Off estivo composto nesta edición pola investigadora Cintia Folgueira; a subdirectora xeral de Promoción Científica e Tecnoloxía Universitaria da Xunta de Galicia, Irene Bonome; o director de Investimentos de Unirisco, Pablo Mosquera; o director de I+D de Mestrelab, Carlos Cobas; e o presidente do cluster Bioga, José Manuel López Vilariño. Participou con voz pero sen voto o director de GCiencia, Pablo López. Durante a súa deliberación, o xurado destacou a alta calidade das candidaturas presentadas por iniciativa propia nos apartados Idea Emerxente e Grupos de Investigación, mentres que na categoría Selo de Calidade foron os membros do xurado os que presentaron as correspondentes propostas.
Os galardóns recoñecen tamén dúas empresas de base tecnolóxica emerxidas da USC, trátase de AMS-Lab na categoría de Selo de Calidade, saída do Campus de Lugo, e Ventilatio Lab na de Idea Emerxente, nacida no campus compostelán.
Os Premios GCiencia Galicia Spin-Off distinguen as empresas e grupos de investigación máis innovadores e que destacan polo emprego da investigación para desenvolver os seus produtos e servizos. Entre as empresas e grupos galardoados nos últimos anos atópanse Alén Space, Mestrelab, Hifas da Terra, o grupo BioFarma da USC e o Laboratorio de Bases de Datos da UDC.
Os galardóns, creados en 2015 para recoñecer a investigación universitaria e a transferencia, serán entregados o 7 de novembro no Pazo de San Roque de Santiago. Os Galicia Spin-Off convócaos GCiencia e contan co apoio da Secretaría Xeral de Universidades, Unirisco e Gadis.