Diego Peña recolleu o ‘Premio á Excelencia Investigadora’ da Real Sociedad Española de Química

02/11/2023
  • Con este novo galardón, o Investigador Principal do CiQUS ve recoñecida a súa traxectoria e capacidade de liderado científico.

 

Foto: RSEQ

 

O pasado 27 de outubro celebrouse no Paraninfo da Universidade de Sevilla o acto de entrega dos premios e distincións 2023 da Real Sociedade Española de Química (RSEQ). Nesta ocasión, os membros do xurado concederon o "Premio á Excelencia Investigadora" patrocinado pola empresa química BASF a Diego Peña Gil, Investigador Principal do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da Universidade de Santiago de Compostela, valorando deste xeito a súa traxectoria científica e capacidade de liderado.

Xunto a el, outros tres investigadores recibiron Premios á Excelencia Investigadora da RSEQ: Ana Albéniz (Universidade de Valladolid), Igor Larrosa (Universidade de Manchester) e Marisol Martín González (CSIC). Durante a cerimonia o pasado venres entregáronse os premios e distincións RSEQ nas súas distintas modalidades e tamén houbo lugar para o recoñecemento aos socios con 45 anos de servizo.

Este novo galardón de Diego Peña súmase á Medalla Ignacio Ribas que lle foi concedida en 2018 polo grupo especializado de Química Orgánica da RSEQ. No ano 2020, o investigador recibiu o respaldo do Consello Europeo de Investigación (ERC) a través dunha axuda ERC Synergy Grant xunto a Leo Gross (IBM Research Zúric) e Jascha Repp (Universität Regensburg) para levar a cabo un ambicioso proxecto centrado na manipulación de moléculas individuais (ERC-SyG MolDAM). Hoxe en día, o seu grupo continúa avanzando no desenvolvemento de novas metodoloxías sintéticas, a química sobre superficie, a síntese de compostos policíclicos aromáticos, ou a preparación de grafenos nanométricos.